![]()
SALNÉS> Na Preferente Sur, esta fin de semana teremos derbi en Baltar entre Portonovo e Arousa. Dous candidatos ó ascenso que se xogan moito neste choque, sobre todo os vilagarciáns.
Continúa a loita polo ascenso no Grupo Sur da Preferente. Esta semana un partido centrará moitas das miradas. Será o derbi entre Portonovo e Arousa, que se xoga o domingo a partires das 17:30 horas no campo de Baltar. Segundo clasificado contra quinto.
Un encontro ó que acuden máis necesitados os vilagarciáns que de perder despediríanse de tódalas súas opcións de ser un dos dous primeiros ó final de liga. Mentres, en Portonovo saben do gran paso que darían se gañan a un rival directo como o Arousa. No conxunto de Rial a gran novidade podería ser a presencia de Aarón na punta do ataque. O xoven dianteiro de Cangas incorporouse onte á disciplina branquiazul en detrimento de Diego Cebreiro, ó que o club lle deu a baixa polo seu baixo rendemento nos últimos meses.
Do outro bando, Ricardo non poderá contar con Óscar por sanción polo que podería entrar Roberto no lateral dereito. Ambos equipos veñen de sumar malos resultados polo que a pelexa polo triunfo será apaixoante.
Ademais, esta xornada o Sanxenxo quere apurar as súas últimas oportunidades de engancharse ó ascenso gañando esta xornada ó Gran Peña. Os de Calucho aférranse á súa boa traxectoria como local para superar ós vigueses. Vanno ter que facer sen Fernando Aguín e Deivi, ambos sancionados.
De como remate a clasificación ó final desta xornada terá moito que ver o Ribadumia, que continúa co seu periplo de partidos ante os equipos da parte alta. Desta volta visita ó líder Choco, en busca de dar outra sorpresa como a de hai quince días en Porriño. Carducho non poderá sentarse non banquiño aurinegro, e Berto e Sayar tamén se perderán a cita.
O Cambados recibe ó Barbadás en Burgáns. Despois da victoria pasada en Tomiño os de Carregal están asentados nunha parte moito máis cómoda da xeral. Dani Abal perderase o encontro no cadro amarelo.
Redacción Salnés





