CAMBADOS > Cambados podería contar pronto cun novo museo. A xunta de goberno aprobou a rehabilitación da antiga fábrica de Peña para convertela nun centro temático sobre a conserva. Para iso xa habilitou 175 mil euros con cargo ós orzamentos deste ano. O resto, ata 700 mil euros, será aportado polo Ministerio de Fomento.
O goberno local de Cambados aprobou o proxecto de “Rehabilitación da antiga nave industrial para centro museístico e pavillón de exposicións”. Deste xeito poderase rehabilitar a vella factoría para convertela nun museo temático sobre a industria transformadora. O local dividirase en tres plantas: na baixa está previsto recrear a vella factoría con maquinaria dos anos 60 e unha pasarela que permitirá ver toda a fábrica dende unha perspectiva superior. O primeiro andar disporá de cafetería-restaurante con acceso independente, aseos e almacén, e no segundo situaranse as oficinas. Para iso será preciso restaura-la nave construída a principios do século XX nun terreo da beiramar próxima a San Tomé e paralela ó porto deportivo. Este novo espazo cultural conectaría co carácter público do entorno, definido polas zonas libres e equipamentos públicos, como o centro de saúde, a praza de abastos ou a casa do mar. O solar ten 1.080 metros cadrados, e forma parte dunha concesión administrativa de Costas, que foi usada por Conservas Peña ata mediados dos anos 90. Recobrada a concesión, Portos de Galicia cedeulla ó concello para usos culturais.
Redacción Salnés