ILLA DE AROUSA > O PSOE da Illa conseguiu sacar adiante os presupostos deste ano pese ás duras críticas da oposición. A abstención do PP foi determinante para que o grupo de goberno, en minoría, puidese aprobar en solitario unhas contas que ascenden a 2,8 millóns de euros. Tanto nacionalistas como populares consideraron que as contas non están ben elaboradas.
Do bando popular, díxose que os presupostos da Illa para 2006 non son os máis altos da historia. O PP non comprende como o concello prevé ingresar por licencias de obra 330.000 euros máis que no 2005 e este incremento non se traduza en máis investimento. Segundo os cálculos dos populares, os investimentos só crecen 18 mil euros con respecto ó ano pasado.
O BNG cre que as contas se elaboraron de calquera maneira. Como exemplo, citou a partida que debe aportar a Deputación para o campo de herba artificial na Bouza. Carlos Otero pediu ó alcalde que aclarase porqué a partida figuraba só no capítulo de gastos e non no de ingresos.
O rexedor recoñeceu a existencia desta situación e garantiu que no momento en que se ingresen os cartos da deputación se faría unha modificación de crédito e negociaría cos grupos o destino dese remanente.
Fóra deste debate estivo o voceiro de Independentes pola Illa. Luís Navarro sinalou que só contou con 24 horas para estudar este presuposto e acusou ó alcalde de falta de consideración coa súa persoa e cos seus votantes.
Redacción Salnés