![]()
SANXENXO > Centos de familiares e veciños asistiron esta tarde en Nantes ó enterro de María del Carmen Fontán Torres, falecida onte tras ser acoitelada, presuntamente polo seu marido. Un caso de violencia de xénero que consternou á comarca do Salnés. Algúns concellos, como Vilagarcía xa fixeron pública unha declaración institucional de condena. Mañá ademais, haberá unha concentración de protesta na praza de Galicia, en Vilagarcía, ás oito e media da noite.
A chuvia fixo acto de presencia hoxe, día no que recibiu sepultura a veciña de Meaño María del Carmen Fontán Torres. Finou onte á mañá con 49 anos de idade tras recibir unha puñada asestada, presuntamente, polo seu home, Benito Paz.
Neste último adeus, na igrexa de Santa Eulalia de Nantes, en Sanxenxo, centos de veciños arrouparon ós familiares e amigos da víctima, entre eles a máis nova dos 3 fillos da parella, Eva de 17 anos.
Na mente de moitos segue o terrible suceso que lle custou a vida a Carmen. O domingo á noite, unha discusión entre o matrimonio foi subindo de ton ata que un dos fillos da parella saíu en defensa da súa nai. Ó parecer o marido colleu entón un coitelo e intentou agredir ó mozo, pero a nai interpúxose e acabou recibindo unha coitelada nun costado, que lle afectou a órganos vitais.
É a primeira víctima de violencia de xénero en Galicia por este ano, pero as mostras de repulsa non se fixeron esperar por parte das administracións. A primeira veu da Vicepresidencia da Xunta, e hoxe no enterro estaba a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, xunto ós edís do PSOE e BNG de Sanxenxo. Tamén o Concello de Vilagarcía emitiu unha declaración institucional de condena e repulsa por este caso de violencia doméstica. E mañá, nesta vila, o Consello Local da Muller convocou ós veciños do Salnés a unha concentración na praza de Galicia ás oito e media da noite.
Redacción Salnés







