Cáritas pon en marcha un invernadoiro para as persoas acollidas en San Cibrán

    VILAGARCÍA > Cáritas de Arousa vén de por en marcha un invernadoiro e horta ó aire libre en Sobradelo, Vilagarcía, destinado á reinserción laboral das persoas que ten en acollida no centro de San Cibrán. Os productos cultivados serán comercializados a través de Horsal, que tamén lles presta os seus técnicos como un socio máis.

    Unhas dez persoas, inmigrantes e sen teito, participan no Proxecto ‘Siembra’ promovido por Cáritas de Arousa, en colaboración con La Caixa e a cooperativa Horsal. A organización vén de por en marcha un invernadoiro de 900 metros cadrados e unha horta ó aire libre en terreos do igrexario de Sobradelo, en Vilagarcía. Os encargados de traballar neste proxecto serán os inquilinos da casa de acollida que Cáritas ten en San Cibrán.

    O Arcebispado arrendoulle a Cáritas unha finca de 5 mil metros cadrados para cultivo por un euro ó ano e a organización recibiu unha axuda económica de La Caixa de 20 mil euros. Outra colaboración chegou da man da cooperativa Horsal que os acolleu como socios. Deste xeito, encargarase de comercializar os productos e pon ó servizo de Cáritas os seus técnicos. Segundo as recomendacións de Horsal, o invernadoiro iniciarase co cultivo de pementos de Padrón.

    A reinserción laboral das persoas acollidas en San Cibrán é o fin último do proxecto ‘Siembra’. Cáritas reinvestirá os beneficios deste invernadoiro nos seus programas de axuda pero ademais entregará unha bolsa económica diaria a cada participante.

    Redacción Salnés