A vilanovesa Noelia Pintos e a súa parella gañan o Campionato Nacional de baile

    COMARCAS > A mediados de xaneiro coñeciamos a unha parella de bailaríns que participaban entón como convidados no espazo de Televisión Española “Mira quién baila”. Fernando e Noelia, de 11 anos, él de Pontevedra e ela de Vilanova de Arousa, veñen de proclamarse esta fin de semana Campións de España Estándar na categoría Junior 1.

    É a primeira vez na historia que Galicia conta cunha parella de campións a nivel nacional en baile deportivo.

    Esta é unha das parellas que conseguía erixirse coa primeira posición nunha fin de semana intensa co baile deportivo como protagonista. Polo Campionato de España Estándar 2006 pasaron preto de 300 parellas procedentes de toda España, que interpretaron bailes como o tango, o vals vienés e inglés, slow Fox e Quickstep.

    A comarca do Salnés conta con moitos afeccionados ó baile deportivo e esta fin de semana deron boa conta da súa calidade. O pontevedrés Fernando Lareu e a vilanovesa Noelia Pintos conseguiron erixirse co primeiro posto en Junior 1, o que consolida a esta xoven parella como unha das promesas do baile nacional. No segundo posto clasificáronse Jorge Otero, da Illa, e a pontevedresa Ana Fernández.

    Precisamente a parella de gañadores xa participara en Mira quién baila demostrando as súas dotes, onde coincidiran coa popular presentadora Belinda Washington como concursante do  programa e que esta fin de semana acudía a Pontevedra para a entrega de premios.

    É a primeira vez que Galicia gaña un campeonato a nivel nacional, o que augura bos resultados de aquí en diante.

    As parellas da provincia conseguiron quedar entre os mellores postos das diferentes categorías. En Estándar adulto Manuel Trillo, natural da Illa, e a súa compañeira Ingrid Barreiro tamén conseguiron unha boa posición na súa competición con parellas de baile destacadas a nivel nacional.  

    Redacción Salnés