O BNG propón sacar á rúa o debate sobre o Estatuto de Galicia

    PONTEVEDRA > O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, reclama a socialistas e populares que aclaren que estatuto de autonomía queren para Galicia. O BNG trouxo este sábado a Pontevedra a súa campaña a favor da nova norma estatutaria. No Pazo da Cultura reuníronse unhas trescentas persoas, entre as que se atopaban varios deputados nacionalistas do Parlamento Galego e do Congreso.

    O BNG presentou este sábado en Pontevedra a súa proposta de texto articulado para reformar o Estatuto de Autonomía de Galicia. O portavoz nacional Anxo Quintana propuxo neste acto trasladar á rúa o debate sobre a nova norma para que, ademais das institucións políticas, o conxunto da sociedade participe no debate previo á súa redacción. Coñecida a proposta do BNG, Quintana reclamou tamén a PP e PSdeG PSOE que aclaren que tipo de estatuto queren para Galicia para poder chegar a un punto en común entre tódalas forzas.

    O portavoz nacionalista considera necesario aproveitar o debate estatutario para recoñecer a Galicia como nación. Quintana considera que este recoñecemento debe afrontarse a nivel xurídico e político. Lembrou tamén os procesos iniciados en Cataluña e País Vasco e advertiu que se Galicia non se suma a este debate perderá estatus dentro do Estado.

    O acto celebrouse no Pazo da Cultura ante unhas trescentas persoas, entre as que se atopaban o alcalde de Pontevedra, a delegada provincial de Industria, os deputados autonómicos Bieito Lobeira e Carmen da Silva, e o portavoz do BNG no Congreso Francisco Rodríguez.

    Redacción Salnés