Reclaman que o Plan Hidrolóxico contemple as actividades produtivas das rías e o impacto de Altri ou Touro

VILAGARCÍA> A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Plademar Muros-Noia presentan as súas alegacións ao Plan Hidrolóxico de Galicia Costa 2028-2033. Trátase do documento chamado a fixar a folla de ruta para a xestión sustentable da auga, equilibrando as necesidades humanas coa protección do medio ambiente. O colectivos basean as súas alegacións en tres piares: non se considera a conservación dos recursos dos que dependen as actividades produtivas das rías, non se contempla a presión que van exercer proxectos industriais como Altri ou as minas de Touro e San Finx e a falta de transparencia por parte de Augas de Galicia á hora de achegar información sobre o estado dos ríos e rías.

A Plataforma en Defensa da ría de Arousa, Plademar Muros-Noia, confrarías e asociacións de produtores de mexillón veñen de presentar alegacións aos documentos iniciais do Plan Hidrolóxico de Galicia Costa 2028-2033. Consideran que non se axusta ás necesidades reais para protexer as rías e a súa actividade.

De feito, denuncian que o plan non considera a conservación dos recursos dos que dependen a pesca, a acuicultura e o marisqueo que se desenvolven nas rías. Reclaman que estas actividades sexan recoñecidas en iguais condicións que os usos de augas doces.

Outra das súas alegacións refírese ao inventario de presións que sufrirá o ciclo hidrolóxico no período 2028-2033. Aseguran que non recollen os grandes proxectos industriais e mineiros apoiados pola Xunta, como Altri, Touro ou San Finx.

Finalmente, alegan tamén contra a falta de transparencia que marca, din, a xestión de Augas de Galicia. Denuncian, por exemplo, que non ofrece información de cuestións como os usos, os permisos de obras ou as verteduras, nin achega datos en tempo real do estado das augas.