CAMBADOS> “Sempre cara adiante”. Este é o lema do que bota man o Partido Socialista de Cambados para a súa campaña cara as municipais do 26 de maio. Hoxe presentaron o seu programa, con propostas coas que agardan conseguir o apoio dos veciños para manter a Fátima Abal na alcaldía.
No primeiro día oficial os socialistas cambadeses presentaron as liñas principais do seu programa electoral.
Entre as propostas, aparece a redacción dun PXOM para Cambados. A vila carece deste plan, algo que limita o seu crecemento. Os socialistas aseguran que non existe solo edificable e que o público é moi escaso. Tamén que moitas vivendas están en situación irregular. Por iso cren que a redacción deste documento é unha prioridade.
A remodelación da praza de San Gregorio, a humanización da de Fefiñáns, a creación de becas de estudo e de programas para o fomento do emprego, actuacións para mellorar e estender o saneamento e a rede de sumidoiros en todas as parroquias, ou a creación dun centro social, son algunhas das medidas polas que apostan os socialistas nun programa no que o turismo ten un especial peso.
A alcaldesa e candidata á reelección Fátima Abal tamén destacou o importante papel xogado pola Deputación de Pontevedra nestes catro anos de mandato. Recordou que moitos proxectos dependen do seu financiamento, e insistiu na importancia de que os socialistas manteñan o goberno provincial.