VILAGARCÍA > O 19 de marzo será o Día do Pai e con ese motivo Zona Aberta porá en marcha toda a semana anterior unha campaña para premiar a un cliente cunha fin de semana para dúas persoas no primeiro hotel rústico de Galicia, situado na ría de Muros- Noia.
O único que terán que facer os participantes é cubrir as papeletas que lles entregarán ata o domingo en calquera dos establecementos asociados a Zona Aberta e con independencia do que merquen.
Baixo o lema ¿xa non te lembras? Zona Aberta quere facer unha homenaxe ós pais, que o domingo 19 de marzo festexarán o seu día. Desta forma, calquera pode realizar as súas compras nalgún dos establecementos asociados e cubrir a papeleta que lles entregarán a nome dun pai que, de selo gañador, terá que xustificar mediante libro de familia ou outro documento a súa paternidade. Deste xeito garantiráse que o gañador merece o premio por selo seu día. Dúas persoas estarán convidadas ó primeiro hotel rústico de Galicia durante a fin de semana que escollan dende finais de marzo ata xuño, excepto en Semana Santa.
O hotel está situado na ría de Muros- Noia ó carón da praia e a montaña. A parella gañadora disfrutará dunha cea especial o sábado e almorzo e xantar o domingo.
O sorteo terá lugar o día 21 de marzo ás 12 da mañá e poderán participar tódalas papeletas entregadas, con independencia de que a compra fose para agasallar a un pai ou para calquera utilidade. Desta forma, tódolos establecementos de Zona Aberta poden participar na campaña, na que se repartirán un total de 21.000 papeletas.
Redacción Salnés