![]()
SALNÉS> Canal Rías Baixas visitou as cacharelas e espectáculos organizados nesta noite de San Xoán polo concello de Poio e polo de Vilagarcía.
{flowplayer}images/salnes/san_xoan240610.flv{/flowplayer}
SALNÉS> Canal Rías Baixas visitou as cacharelas e espectáculos organizados nesta noite de San Xoán polo concello de Poio e polo de Vilagarcía.
Poio celebra estes días as súas festas patronais, na honra a San Xoán. Un dos momentos máis esperados é precisamente a celebración do solsticio de verán, e como manda a tradición, o recinto da Seca quedou iluminado onte á noite coa fogueira de San Xoán.
O Concello repetiu a sardiñada popular, que se empezou a servir xa ás nove e media da noite e da que gozaron centos de persoas. A continuación celebrouse un espectáculo de lume e pirotecnia, como preludio do gran momento da noite, o acendido da fogueira de San Xoán. Como a principal era moi grande para brincala, no recinto fixéronse outras cachadas máis pequenas para que os asistentes puidesen cumprir coa tradición para espantalas meigas. O primeiro en animarse foi o edil de Festexos, Xosé Lois Martínez.
A festa de San Xoán continuará en Poio ata o vindeiro día 3 de xullo. Cultura, música, deporte, gastronomía e actos relixiosos conforman esta programación que culminará co concerto de La Oreja de Van Gogh o día 2 e co de Melendi ó día seguinte. Os dous serán na praza da Seca a partir das once da noite.
En Vilagarcía, arderon esta pasada noite de San Xoán unhas 185 cachadas, e unha das máis multitudinarias foi a que prepararon Concello, Ahituvi e Zona Aberta na praia da Concha. Este é o segundo ano consecutivo que unen esforzos para facer esta festa.
A celebración da chegada do verán comezou ás dez da noite, co asado duns 250 quilos de sardiñas, que se serviron con pan e viño tinto. Para animar a xornada, contratouse ó grupo Troula, que ofreceu un espectáculo de fogo á espera de momento máxico das doce da noite. Na praia prendeuse unha gran cachada institucional, pero tamén se permitiron outras máis pequenas co seu permiso correspondente.
A vindeira cita coas cachadas será por San Pedro, o luns pola noite. En Vilagarcía teñen solicitado permiso para prender 138 fogueiras.
Redacción Salnés










