MEAÑO> O concello de Meaño vai transformar a pista deportiva de Dena nun espazo polivalente. O proxecto, que xa está en marcha, permitirá crear tres novos equipamentos: unha pista de pádel, unha pista de fútbol indoor e un parque infantil cuberto. Trátase dun ambicioso proxecto, situado nunha localización estratéxica ao carón dos centros educativos, que conta cun orzamento de 670.000 euros.
Esta pista deportiva de Dena, no concello de Meaño, data do ano 1982. Aquí xa está en marcha un ambicioso proxecto que vai tranformar este espazo nun lugar polivalente con tres novos usos. A reforma inclúe a construción dunha cuberta e peche perimetral.
O alcalde salienta a localización estratéxica deste equipamento, o que garante o seu uso por multitude de veciños de distintas idades. Destaca en especial o parque infantil cuberto, moi escasos en Galicia aínda a día de hoxe.
A pista de pádel tamén chama a atención da veciñanza. No concello xa hai unha ao aire libre, pero esta nova poderá ser empregada tamén os días de mal tempo.
O proxecto conta cun orzamento de 670.000 euros con fondos propios e unha achega do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Esta actuación súmase a outras melloras acometidas nos equipamentos deportivos do municipio nos últimos meses. Entre elas a renovación da piscina, anexa a esta pista que, en breve, serán conectadas a través dun novo acceso, permitindo a este novo espazo ter tamén punto de entrada aos vestiarios.











