A Illa acolle un casting para elixir ós actores da curtametraxe ‘O Quinteiro’

    A ILLA > O arousán Antonio Millán rodará o 19 de outubro unha curtametraxe que ten como escenario á Illa de Arousa, agás unha escena que se gravará no aquarium do Grove. Estes días o director da curta e o do casting buscan ós actores principais. A cinta será estreada en decembro na Illa de Arousa.

     

    O salón de actos do IGAFA na Illa de Arousa é o lugar no que se desenvolverá o casting ata o mércores 27 ás 7 e media da tarde. O equipo busca a un mozo e unha moza de 15 anos e outros dous de 30 anos. Esta curtametraxe conta cunha subvención da Consellería de Cultura, unhas axudas pioneiras en Galicia aprobadas no presente ano polo goberno Touriño e que posibilitan a incursión de moitas xoves promesas no sector audiovisual.

    Antonio Millán estudiou Belas Artes e especializouse en Audiovisuais. O equipo co que rodará a curta está composto por 20 mozos que xa teñen realizado proxectos xuntos. Unha das partes da historia que prantexará en O QUINTEIRO está situada no tempo do afundimento do Prestige.

    O salón de actos do IGAFA levantará novamente o telón o mércores 27 de setembro. O casting terá lugar de 11 a 2 e de 4 a 7 e media. A curta estrearase previsiblemente en decembro na Illa de Arousa, o concello onde transcorren a maior parte da historia.

    Redacción Salnés