RIBEIRA > A gardería municipal de Ribeira vén de cumprir un ano dende a súa posta en funcionamento en marzo de 2005. Para celebralo, o alcalde e unha delegación de representantes municipais, desprazáronse ata o centro para visita-las súas instalacións e coñecer máis a fondo os servizos que actualmente presta a escola infantil.
Neste primeiro aniversario, a gardería municipal de Ribeira ten moito que celebrar. O centro daba os seus primeiros pasos en marzo do pasado ano con pouco máis de setenta alumnos. Tras un ano en funcionamento, a escola infantil presta servizo a 131 rapaces, e tan só conta con prazas libres en horario de tarde mentres que existen xa listas de espera para o turno da mañá. O balance non pode ser máis positivo xa que pon de manifesto a necesidade deste servizo a nivel municipal e a importante demanda por parte das familias ribeiresas.
Con motivo da celebración, unha delegación municipal encabezada polo alcalde desprazouse ata o centro para visitar as instalacións. O rexedor local expresou a súa satisfacción ante o bo funcionamento do centro.
Ante a crecente demanda do servizo, Torres Colomer anunciou a intención do executivo de inicia-los trámites para a creación dunha nova gardería para dar cobertura a todo o municipio. O alcalde ten previsto plantexar ó proxecto ó vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nun breve prazo de tempo para conseguir que a nova escola infantil sexa unha realidade canto antes.
Redacción Barbanza