Caldas, Cuntis, Portas e Barro levan a cabo o programa Máis Emprego III

CALDAS> Formar a persoas desempregadas para darlle unha oportunidade laboral. Con este obxectivo os concellos de Caldas, Cuntis, Portas e Barro están levando a cabo o programa “Máis Emprego III”. Neste edición participarán cen desempregados.

“Máis Emprego III” é un programa integrado de emprego posto en marcha polos concellos de Caldas, Cuntis, Portas e Barro e subvencionado pola Xunta de Galicia. O obxectivo é formar a persoas desempregadas para darlle unha oportunidade laboral.

O programa conta este ano con 100 participantes que se dividen en tres colectivos de desempregados: menores de 30 cualificados, non cualificados e maiores de 45 anos. Ó longo dun ano realizan diferentes cursos formativos e prácticas non laborais. Para conseguir a máxima inserción o programa colabora con diferentes empresas para adaptar os cursos á demanda.

O máximo de tempo que poden estar as persoas en prácticas é de 20 días. Polo de agora xa son 18 os desempregados que continuaron traballando tras o período de proba. Pero o programa ponse o reto este ano de conseguir un mínimo de  37 insercións laborais.