BOIRO > O Director Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, comprometeuse a apoia-lo proxecto deseñado polo executivo boirés para habilitar locais nos que os grupos musicais do municipio poidan realiza-los seus ensaios. Está previsto a sinatura dun convenio co concello para executa-las obras no prazo dun mes.
O compromiso producíase nunha xuntanza que o Director Xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, mantivo en Boiro co alcalde, Xosé Deira, e os concelleiros de Xuventude e Cultura, Dores Torrado e Xerardo Piñeiro, respectivamente, e no que estiveron presentes tamén membros das bandas musicais existentes no municipio.
A idea de contar con locais de ensaio foi totalmente do agrado dos músicos, que explicaron que, na actualidade, vense na obriga de alugar inmobles para poder ensaiar e nalgunhas ocasións mesmo chegan a ter problemas con algún que outro veciño polos excesos de ruído.
Rubén Cela visitou o soto do centro social de Boiro, no que se pretenden habilita-las salas de ensaio, e calificou moi positivamente a intención do concello de situar estes locais ó lado da futura escola de música.
Dende o concello valorouse tamén moi ben o compromiso do Director Xeral de Xuventude polo que agardan que se axilicen os trámites para que a adxudicación das obras teña lugar antes do verán.
Redacción Barbanza