O concello de Outes recupera a concesión do náutico do Freixo

OUTES> A Conselleira do Mar visitou esta mañá o edificio de Usos Náuticos do porto do Freixo en Outes. O concello vén de recuperar a concesión desta instalación e traballa xa na busca de financiamento para a súa posta a punto.

Tras un longo proceso de tramitación, o concello de Outes recuperou a concesión do edificio de Usos Náuticos do porto do Freixo. O inmoble, no que Portos de Galicia investiu máis de medio millón de euros, volve estar outra vez a disposición da administración municipal para acoller actividades náutico deportivas.

Unha vez recuperada a concesión, o concello busca financiamento para acometer as numerosas melloras que precisa o centro.

A colaboración entre ámbalas dúas administracións evidencia a súa aposta polo deporte e a economía azul vinculada a un dos principais sectores produtivos de Galicia como é o mar.