AROUSA > A Plataforma pola Defensa da Ría Arousa non se queda á marxe da polémica sobre o traslado de Ence ó polígono Barro Meis. Dende a plataforma, contraria á permanencia da factoría en Pontevedra, aseguran que non variarán a súa firme oposición á papeleira de Lourizán pero que a solución non pasa polo traslado ó polígono de Barro-Meis xa que o problema, lonxe de arranxarse, aumenta.
O impacto da noticia da posibilidade de trasladar a fábrica de Ence ó polígono industrial de Barro-Meis causou un importante impacto polas repercusións principalmente políticas, económicas e medioambientais. Neste eido a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa non agocha a súa indignación pola proposta deixando á marxe os tintes políticos que poida ter a decisión e avoga polo debate social e racional.
A PEDRA, partidaria dende a súa fundación do traslado de ENCE da ría pontevedresa, continúa amosando a súa postura negativa á permanencia da papeleira en Lourizán pero non deixa de amosarse indignada polo mero feito de que se baralle a posibilidade do traslado ó polígono de Barro-Meis. O que queda claro, dende logo para a plataforma é que Ence non é favorable á ría, pero a ningunha das dúas.
Redacción Salnés