O Natural Sport de Riveira gaña o I Campionato de Vilagarcía de Taekwondo

VILAGARCÍA > Cun total de sete medallas, o Natural Sport de Riveira impúxose este domingo no primeiro Campionato de Vilagarcía de Taekwondo. Na xeral por equipos o segundo posto foi para o Mace Sport de Pontevedra, mentres que o club organizador, o Olimpic de Vilagarcía, tivo que conformarse co terceiro posto.

Os deportistas do club riveirense Natural Sport lograron un total de sete medallas no primeiro campionato de Vilagarcía de Taekwondo que lle valeron para facerse co primeiro posto da clasificación xeral. Goreti Somoza, campiona de Europa e España júnior, fíxose co ouro en peso mosca e a súa compañeira Miriam Docampo acadou a terceira praza. David Vidal e Yolanda Castaneda impuxéronse en peso galo, mentres que Juan Fernández logrou a prata. A prata tamén foi para José Fernández e Sabela Lonja en pluma.

O club Mace Sport de Pontevedra quedou segundo na xeral. Contribuíron para iso Borja Ríos, que acadou o ouro en minimosca masculino, as pratas conseguidas por Cristina Baena en lixeiro e Áxel del Río en mosca, e os bronces de Manuel Barros en mosca, Damián Villanueva en galo, Santiago Gil en pluma e Alba García en pesado.

O club organizador, o Olimpic, de Vilagarcía tivo que conformarse coa terceira praza na xeral. Acadou en total sete medallas, a gran maioría en féminas. Lúa Piñeiro conseguiu o ouro en medio, Nuria García e Benigno Fernández levaron a prata na categoría de pesado, ó igual que Raúl Bouzas en lixeiro. Nesta categoría, Sofía Piñeiro quedou terceira, mesma posición que Noelia Gómez en pluma e Raisa Abal en minimosca. Tamén contribuíu o cuarto posto acadado por Gabriel Moral en pluma.

A organización do campionato foi un éxito con numeroso público presenciando os combates no pavillón de Fontecarmoa. En canto á participación, no campionato estiveron preto dun cento de taekwondistas.

Redacción Salnés