Máis dun millón de metros cadrados de chan industrial para a Pobra e Ribeira

    BARBANZA > A creación de chan industrial na comarca do Barbanza está máis preto de ser unha realidade posto que a Xunta de Galicia está a piques de publicar o estudo de viabilidade técnica do proxecto presentado polo BNG comarcal. As primeiras conclusións do informe son favorables á creación dun parque industrial supramunicipal comprendido entre os concellos da Pobra e Ribeira.

    Segundo os datos feitos públicos pola deputada nacionalista, Ana Pontón, a viabilidade técnica deste proxecto ven avalada por varios criterios como son a súa visión de futuro coa creación de máis dun millón de metros cadrados de superficie industrial sen deterioro ecolóxico ou as boas comunicacións do futuro parque tanto coa vía rápida do Barbanza como coas actuais polígonos industriais.

    Os nacionalistas pretenden con este proxecto a creación de emprego e riqueza a través dun novo modelo de xestión encamiñado a erradica-la especulación co chan industrial, tan demandado polo empresariado da comarca.

    A nova foi recibida con especial satisfacción polas representantes municipais do BNG na Pobra e Ribeira. Dominga Brión expresou a importancia deste proxecto non só para o empresariado senón tamén para a cidadanía en xeral posto que suporá unha importante creación de emprego.

    Pola súa banda, Rosana Pérez, manifestou a súa satisfacción ante a rapidez coa que a Consellería de Vivenda se fixera cargo das súas demandas, posto que a proposta foi presentada hai tan só catro meses. A voceira pobresa apuntou ademais  o erro cometido polo grupo de goberno ó elimina-la ampliación de chan industrial do Plan xeral ques e ve agora ratificada pola decisión da Xunta de Galicia.

    Redacción Barbanza