RIBEIRA > A crecente problemática da violencia entre a mocidade está a xerar certa alarma social na comarca do Barbanza. Recentes episodios de liortas e comportamentos agresivos entre os adolescentes poñen de manifesto estas tendencias violentas que, na maioría dos casos, soen derivar de problemas de integración ou desestruturación familiar.
A solución desta problemática pasa por diversas fases nas que é necesario implicar tanto ós propios adolescentes como pais e educadores. Nesta liña traballa o Plan Comunitario Municipal, en colaboración cos orientadores dos distintos centros públicos, que está a traballar na fase de detección e diagnose destes casos de cara a estuda-la situación individual de cada adolescente problemático e artellar posibles solucións.
Os expertos coinciden en sinalar o diálogo como ferramenta básica para previr e combater os posibles comportamentos violentos. Sen embargo, ás veces non é doado detectar estes casos posto que cada vez máis estanse trasladando dende a escola á rúa onde os adolescentes atopan unha maior liberdade de actuación.
Na maioría das ocasións, os problemas detéctanse en mozos con problemas familiares, que viven en núcleos desestruturados e con graves dificultades para a súa integración. Os métodos adoptados pola comunidade educativa para corrixir estes comportamentos son variados e van dende a participación en diversos talleres ata castigos como a expulsión temporal do centro.
Ás veces, a intervención dos educadores semella non ser suficiente o que provoca que os episodios de agresións vaian en aumento, chegando incluso a converterse na tónica habitual de certos grupos que extorsionan e atemorizan ós seus compañeiros. A implicación das distintas administracións e, sobre todo, das propias familias é fundamental para erradicar a violencia xuvenil da nosa sociedade, na procura de evitar que se convirta nun problema estrutural.
Redacción Barbanza