A comunidade educativa maniféstase en contra da supresión da ESO no IES Coroso

    RIBEIRA > Os representantes da comunidade educativa de Ribeira convocaron unha manifestación polas rúas do municipio co fin de protestar contra a supresión da Ensinanza Secundaria Obrigatoria no Instituto de Coroso.  Ademais do mantemento da ESO, os manifestantes reclaman a continuidade do instituto como centro integrado, así como a implantación de novos ciclos formativos.

    Preto de 300 persoas, entre pais, alumnos e profesores, percorreron as rúas de Ribeira para reivindicar o mantemento das clases de secundaria nos centros integrados. Baixo o lema ‘integrado si, ESO tamén’, os manifestantes desprazáronse dende as instalacións do instituto ata a praza do concello, onde se deu lectura a un manifesto coas súas principais reivindicacións. Entre elas, o mantemento das clases de ESO e garantía social e a implantación de novos ciclos de formación.

    A comunidade educativa oponse á medida decretada polo goberno posto que suporá o traslado dos alumnos a outro instituto, provocando a masificación dos centros. Pais e alumnos consideran ademais que ás negativas consecuencias académicas hai que sumarlle os posibles trastornos derivados do cambio de centro; entre eles, a maior distancia que afectaría ós desprazamentos.

    A pesar do carácter pacífico da concentración, a crispación existente púxose de manifesto entre os manifestantes que mesmo chegaron a pedir a dimisión do actual director do IES Coroso, Ventoso Mariño. A pesar destas discrepancias, case a totalidade da comunidade educativa de Ribeira concorreu á manifestación co fin de apoia-las reivindicacións do Coroso así como doutros dez centros galegos que se verán afectados pola medida.

    Os representantes dos centros agardan que as súas peticións sexan tidas en conta polas administracións, tanto estatal como autonómica, e non descartan proseguir coas medidas de presión para consegui-los seus obxectivos.

    Redacción Barbanza