A Xunta investirá 1,8 millóns de euros na nova EDAR de Queiruga

PORTO DO SON> A Xunta de Galicia investirá preto de dous millóns de euros na mellora do saneamento de Queiruga, en porto do Son. Augas de Galicia asumirá integramente o financiamento da nova depuradora.

Porto do Son dá un gran paso cara o saneamento integral do concello coa construción da futura depuradora de Queiruga que será financiada integramente pola Xunta de Galicia. A administración autonómica achegará un investimento de 1’8 millóns de euros para a execución da nova EDAR que se emprazará no lugar da Ponte. Pola súa banda, o concello asumirá a posta a disposición dos terreos e a obriga de tramitar as autorizacións necesarias para a execución e recepción das obras así como o seu mantemento e conservación.

Esta actuación busca resolver as deficiencias da rede de saneamento da parroquia de Queiruga. Ademais da nova depuradora, que dará servizo a unha poboación de máis de 1.500 habitantes proxectarase unha nova rede de máis de tres quilómetros de colectores xerais e 4 estacións de bombeo  así como dous colectores para a recollida de pluviais.

A intención da Xunta é licitar os traballos a principios do próximo ano para poder iniciar os traballos no segundo semestre de 2022. As obras están cofinanciadas pola Unión Europea e contan cun prazo de execución de doce meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí