O BNG reclama a autonomía financeira no novo estatuto galego

    VILAGARCÍA > Constituída formalmente a comisión parlamentaria para reformar o Estatuto de Galicia, o BNG continúa achegando á cidadanía a súa proposta de texto articulado. En Vilagarcía estiveron o coordinador executivo do BNG e senador, Francisco Jorquera, e a deputada autonómica Ana Pontón.

    Na reforma do estatuto galego os nacionalistas consideran esencial introducir a autonomía financeira. Segundo explicou en Vilagarcía Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG, do que se trata é que Galicia recaude os seus propios impostos e que ademais desenvolva a súa propia política fiscal. Segundo Jorquera, con este modelo, Galicia remitiría ó Estado unha parte da recadación para soster aqueles servizos que dependen da administración central. Tamén para nutrir un fondo de interdependencia destinado a corrixir déficits de desenvolvemento noutras comunidades.

    Jorquera participou en Vilagaría nun acto de campaña a favor da nova norma estatutaria, xunto coa deputada nacionalista no Parlamento Galego Ana Pontón. Esta última explicou os elementos fundamentais da proposta de estatuto do BNG, que pasan principalmente por definir a Galicia como unha nación. Neste proceso de reforma que bota a andar, o BNG considera esencial a participación social.

    Redacción Salnés