Propietarios e constructores en contra do imposto a vivendas protexidas

    RIBADUMIA > A Consellería de Economía e Facenda está a reclamar un imposto a propietarios de vivendas de promoción autonómica que compraron o seu piso entre o 2002 e o 2005. Nesta situación atópanse uns 27 veciños de Barrantes, en Ribadumia, que aseguran que nos seus contratos de compra-venda se lles especificou que estaban exentos deste pago.

    Indignados. Así se manifestan os propietarios de vivendas de promoción autonómica pola decisión da Consellería de Economía e Facenda de reclamarlles o imposto de transmisións patrimoniais. Os veciños do Edificio Salnés, sito na rúa Ramón Cabanillas de Barrantes, en Ribadumia aseguran que nos seus contratos de compra se especificaba que estaban exentos do pago de dito imposto ó ser vivendas de protección oficial. As cantidades que se lle reclaman agora oscilan entre 500 e 700 euros.

    Ó parecer esta situación dáse por unha omisión ou mala redacción dos decretos que regulan as exencións fiscais para os beneficiarios de vivendas en réxime de protección oficial, no plan de vivenda da Xunta 2002-2005. Esto deixa fóra deste pago ós que compraron antes de 2002 e despois de 2005. Economía e Facenda reclámalles agora este imposto con intereses incluídos e ponlles de prazo ata o 5 de abril para pagar.

    No Rexistro de Propiedade explicáronlles que podían presentar unha reclamación pero que en todo caso tiñan que pagar antes do plazo. Moitos estano a facer por medo a que lles embarguen o piso. Os veciños de Barrantes están dispostos a promover unha asociación de afectados.

    Precisamente este asunto foi abordado este venres nunha cumbre empresarial celebrada na Cámara de Comercio de Pontevedra. Previamente o caso foi exposto ante os medios de comunicación por parte do promotor e constructor Carlos Oubiña, que é ademais presidente da Cámara de Vilagarcía. Abuso ou atraco foron algúns dos termos empregados por Carlos Oubiña para referirse ó imposto que agora reclama facenda. Oubiña asegura que todo se debe a algunha triquiñuela xurídica. Lembra que en 2002 as vivendas de protección oficial se pasaron a denominar vivendas protexidas, un termo que non se recolle no decreto que exime deste pago ós promotores deste tipo de construcción. Oubiña considera entón inxusto que se lles reclame este gravame.

    O enfado dos promotores diríxese sobre todo ás oficinas recadadoras. Non entenden como non lles avisaron no seu día que tiñan que liquidar este imposto. Pero tamén pola actitude que teñen agora cos compradores que deben facer fronte ó pago. Oubiña fala incluso de chantaxe e amenazas.

    Carlos Oubiña estima que en Galicia poidan estar afectados 15 mil clientes e que se estarían reclamando en torno a mil millóns de euros. O presidente da Cámara de Vilagarcía xa informou deste asunto persoalmente tanto ó vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e ó presidente Emilio Pérez Touriño, e espera que a administración saiba darlle solución pola vía política.

    Redacción Salnés