A CIG sinala que o novo convenio da conserva será o mellor da súa historia

VILAGARCIA> A CIG cualifica o convenio como o mellor da historia do sector e pioneiro en moitos dos seus artigos. Segundo o sindicato, con este acordo mantense o poder adquisitivo dos traballadores e acabarase coa fenda salarial entre homes e mulleres nun prazo máximo de catro anos. Dende a CIG non entenden a postura de CCOO e acúsanos de mirar tan só polos seus intereses.

O sindicato da CIG celebra o acordo acadado coa UXT e coa patronal para elaborar o novo convenio do sector da conserva. Dende o sindicato, van máis alá e cualifican a este acordo como o mellor convenio da historia do sector. Segundo indican, a unión sindical conseguiu que os empresarios aceptasen as súas propostas, incluso en puntos nos que estaban tan afastados como o incremento salarial.

A CIG tamén sinala que este acordo ten artigos pioneiros, como a creación dunha comisión técnica para eliminar a fenda salarial nun prazo máximo de catro anos.

Outro dos puntos nos que as partes estaban moi distantes e finalmente chegaron a un acordo é na xornada laboral. As conserveiras traballarán durante as fins de semana pero só cos novos traballadores.

Ambas partes teñen agora un mesa para pechar o acordo. A CIG xa trasladou o preacordo aos seus afiliados e aos comités para que o ratifiquen. Dende o sindicato tamén anunciaron que cesarán as manifestación e criticaron a CCOO por non sumarse e o culpan de mirar exclusivamente polos seus intereses.