O Porto de Vilagarcía bateu récords no 2017

VILAGARCÍA> 2017, ano de récord para o Porto de Vilagarcía. A presidenta da Autoridade Portuaria puxo sobre a mesa os datos que deixou o ano pasado, cando se acadaron novos máximos no tráfico de mercadorías. Segundo Sagrario Franco, rexistráronse 1,2 millóns de toneladas, 100.000 toneladas máis que no 2016. Un triunfo que, en gran medida, atribuíu ao feito de saber reinventarse durante a crise.

O Porto de Vilagarcía despediu o 2017 cun balance máis que positivo sobre a mesa. Durante o ano pasado acadáronse cifras récord, con 1,2 millóns de toneladas de mercadorías movidas nos tráficos portuarios.

Na última década, a mercadoría xeral gañou peso no porto vilagarcián. Contedores, a suba do tableiro e a consolidación do alumino fan que esta categoría sexa a máis importante polo número de toneladas movidas. No 2006, eran os graneis sólidos os que encabezaban a listaxe.

Para Franco, este éxito chega en gran parte motivado pola capacidade do porto para reinventarse durante a crise económica, sobre todo nos exercicios de 2010 e 2011. Sen abandonar os investimentos en infraestruturas a pesares das dificultades.

Un esforzo que, segundo apuntou a presidenta da Autoridade Portuaria, serviu para reforzar a posición do porto de Vilagarcía no conxunto de Portos do Estado.