Portos expedienta a un buque por verter residuos no porto de Ribeira

    RIBEIRA > O ente Portos de Galicia abriulle expediente a un buque-conxelador atracado no porto de Ribeira pola realización dun vertido de restos orgánicos. O barco permanecerá retido pola Capitanía Marítima ata que deposite a fianza esixida por Portos.

    O buque ‘Spitsbergen’ con bandeira de San Vicente e Granadinas, permanece aínda a día de hoxe retido no porto de Ribeira baixo a vixilancia de Capitanía Marítima logo de ser sorprendido efectuando vertidos de restos de peixe, graxa orgánica, sal e auga sucia.

    O buque infractor, que transportaba atún conxelado para as empresas conserveiras da comarca, atopábase limpando as súas adegas no interior da dársena ribeiresa no momento que foi localizado polo persoal de vixilancia de Portos de Galicia.

    Seguindo os protocolos establecidos o dispositivo de vixilancia deste ente público, dependente da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, paralizou o vertido e de seguido a lancha ‘Langosteira’ do SASEMAR procedeu a recolle-los restos sólidos, dispersando o resto do vertido, quedando a zona totalmente limpa pasadas unhas horas.

    Portos de Galicia abriulle tamén un expediente sancionador ó barco, esixindo unha fianza de seis mil euros como garantía indispensable para poder abandona-las instalacións portuarias.

    A apertura do expediente foille comunicado ó capitán do buque-conxelador, á empresa consignataria, á compañía armadora de nacionalidade grega e á aseguradora.

    Redacción Barbanza