A piscina climatizada da Pobra entrará en funcionamento no prazo dun mes

    POBRA > A Xunta de Goberno Local da Pobra ten previsto aprobar a convocatoria do expediente de contratación para a concesión do servizo da piscina municipal. Así o anunciou o rexedor local, Isaac Maceiras, nunha visita ás instalacións que se atopan xa na súa fase final de construción.

    O procedemento de contratación será aberto e mediante concurso público para a xestión do servizo a través de concesión cunha duración de dez anos prorrogables.

    Ademais da piscina, as instalacións contarán con dúas salas de ximnasia, unha para a realización de actividades de mantemento e outra para a sala de musculación. Cada vestiario contará cunha sauna con capacidade para seis persoas.

    Os horarios de apertura, independentemente do previsto nas ofertas presentadas, oscilarán dende as oito da mañá ata as once da noite de luns a venres, de dez a oito os sábados e de de dez a dúas da tarde os domingos e festivos durante a tempada de inverno.

    No verán, os sábados o recinto abrirá tan só de dez a dúas e os domingos e festivos permanecerá pechado.

    No referente ás tarifas, estableceranse diferentes contías así como abonos mensuais que variarán en función de determinados factores como a idade ou a situación familiar.

    O alcalde, Isaac Maceiras, amosou a súa satisfacción polas novas instalacións municipais que favorecerán a práctica deportiva no concello. Así mesmo, contribuirá á creación de postos de traballo na comarca posto que estableceranse unhs contratacións mínimas de persoal entre as que figuran un responsable, un técnico en INEF, dous monitores con titulación media, socorristas, un auxiliar administrativo e operarios de limpeza e mantemento.

    Redacción Barbanza