O Trail Series concluirá en Portosín cunha proba de 42 quilómetros

PORTO DO SON> Portosín acolle o domingo 22 a última proba do circuíto Trail Series 22 organizado por Arousa Natureza e Ocio. A do concello sonense será a carreira máis longa cun ultratrail de 42 quilómetros. Haberá unha modalidade máis asequible con tan só a metade do percorrido e tamén unha andaina.

Dúas probas, unha de 21 quilómetros e outra de 42, integran o Portosín Trail que se celebrará o día 22 de maio no concello sonense. O concello apostou por incluír no calendario unha proba longa para favorecer a afluencia de xente durante toda a xornada co consecuente retorno para a hostalería e o comercio.

Trátase da última proba do circuíto Trail Series 2022 e tamén a máis esixente, cun desnivel positivo de máis d e 1800 metros. Destaca ademais a dificultade do terreo xa que o 99 por cento da carreira discorre por chan de terra.

A pesar da dureza da carreira, especialmente da de maior distancia, os participantes terán oportunidade de disfrutar dun percorrido de gran beleza natural que discorre polos principais atractivos paisaxísticos de Porto do Son.

Ata o momento xa son 160 os inscritos tanto nas dúas modalidades como na andaina que se celebrará ese mesmo día. Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 15 de maio na web arousa.com ou trailseries.run.