RIBADUMIA> En Ribadumia xa teñen os fogóns acendidos para a terceira edición do Concurso de Tapas da Festa do Tinto. A cita vai ser na fin de semana do 16 ao 18 de maio. Nesta edición participan sete establecementos, con propostas do máis variado. Todas elas teñen algo en común: o uso do viño tinto como un dos ingredientes imprescindibles das tapas. A clientela que valore todos os petiscos entrará logo nun sorteo de entradas para o xantar do día grande da festa.
Ribadumia xa conta os días para a celebración da Festa do Tinto do Salnés e de Exaltación das Variedades Autóctonas, que se vai celebrar en Barrantes do 6 ao 8 de xuño. Para ir quentando motores, o concello volve organizar este ano unha proposta que semella que chegou para quedar. Falamos do Concurso de Tapas da Festa do Tinto. Unha iniciativa que celebra neste 2025 a súa terceira edición.
O concurso deste ano vaise celebrar entre o 16 e 18 de maio. Na proposta participan desta volta sete establecementos. Todos eles xa teñen deseñadas as propostas deste ano, con opcións do máis variado. Iso si, todos eles teñen algo en común: un ingrediente que non pode faltar é o viño tinto.
O concurso vai medrando pouco a pouco, incorporando tamén novos locais.
A clientela que valore todos os petiscos entrará logo nun sorteo de entradas para o xantar do día grande da festa do Tinto.











