VILAGARCÍA> Hoxe O Salnés recibiu a visita dos peregrinos que están a realizar o Camiño de Santiago a Vela. Os 120 participantes nesta ruta náutica fixeron parada en Vilagarcía, despois de realizar a última etapa por mar deste ‘Navega o Camiño’. Está previsto que mañá rematen a súa peregrinaxe en Santiago de Compostela, finalizando asía unha viaxe que comezaron a principios de mes na Rochelle.
120 peregrinos náuticos puxeron hoxe o broche de ouro á última etapa por mar da ruta ‘Navega o Camiño’. Fixérono en Vilagarcía, onde finalizaron unha travesía que comezou a primeira hora da mañá en Boiro.
Na capital arousá foron recibidos por representantes do concello vilagarcián e da Mancomunidade do Salnés. Todos destacaron a importancia desta iniciativa, un exemplo, din, de turismo responsables, vivencial e cultural.
Xa pola tarde, os peregrinos recrearon a lendaria viaxe do corpo do Apóstolo Santiago nunha barca de pedra ata Compostela, coa que navegou polo Ulla ata Pontecesures. Dende alí camiñaron ata Padrón para, despois de participar nunha misa, regresaron a Vilagarcía.
Mañá chegarán a Santiago a pé dende Padrón, poñendo fin así a un Camiño que comezou a principios de mes na localidade francesa da Rochelle. Será a despedida por este ano da décima edición desta travesía do Camiño de Santiago a Vela.










