Denuncian o inicio das obras da planta de vertidos de San Finx

LOUSAME> Ecoloxistas en Acción denuncia o comezo das obras para construír a estación de tratamento dos vertidos procedentes da mina San Finx. A pesar dos recursos presentados contra a súa autorización, a Xunta non paralizou a actuación polo que recorrerán á vía xudicial.

A pasada semana, a filial da empresa Pivotal Metals iniciou os traballos da planta de tratamento de achiques da mina de San Finx, paso previo ó baleirado de centos de miles de metros cúbicos de augas contaminadas con metais pesados.

Dende a organización ecoloxista insisten nos graves prexuízos que podería ter o baleirado da mina nos bancos marisqueiros da ría de Muros Noia polo que recorrerán á vía xudicial para que suspenda a autorización, que carece de avaliación de impacto ambiental .

Aínda que confían na xustiza son conscientes de que se trata dunha vía máis lenta polo que solicitarán a paralización cautelar dos traballos.

Dende a confraría de Noia amosaron a súa indignación ante o inicio das obras malia que están sen resolver os recursos de alzada presentados, non só polo pósito noiés senón tamén polo de Portosín, contra a autorización de vertidos , pola que xa foron incoadas dilixencias penais nos Xulgados de Santiago.

Así, anunciaron a presentación inminente dunha demanda ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha vez se cumpra o prazo de tres meses de que dispón a Consellería para resolver os recursos. Lembran ademais a convocatoria dunha manifestación o vindeiro sábado 29 de abril ás doce en Santiago de Compostela. Animan á cidadanía a mobilizarse en defensa da ría.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí