Familiares, amigos e autoridades homenaxean ó veciño máis vello de Boiro

    BOIRO > O departamento de Servizos Sociais do concello de Boiro rendeulle unha homenaxe a José Rodríguez Iglesias no día que cumpría cen anos. Ata o seu domicilio situado na parroquia de Abanqueiro achegáronse o alcalde, Xosé Deira, e a concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño, que quixeron acompañar neste día tan especial ó señor José e á súa familia.

    Chámase José Rodríguez Iglesias. Hai cen anos nacía na parroquia boiresa de Abanqueiro. A pesar de ser o home máis vello do concello segue conservando toda a súa lucidez e lembra con exactitude a maior parte do seu século de vida.

    Ademais da festa que lle tiñan preparado os seus familiares e amigos, o concello boirés a través do departamento de Servizos Sociais rendeulle tamén unha homenaxe ó ser o home de maior idade do municipio.

    O alcalde, Xosé Deira, e a concelleira de Servizos Sociais, Natalia Laíño, achegáronse ata o seu domicilio e entregáronlle unha tarta e unha placa conmemorativa polo seu centenario.

    Na actualidade vive coa súa filla Carme, aínda que tamén ten outro fillo, José que reside tamén en Boiro. Conta con catro netos e cinco bisnetos, algúns dos cales non quixeron perderse a festa ó seu bisavó.

    O homenaxeado amosouse ilusionado co feito de chegar a cumpri-lo século de vida e por ser unha das persoas de máis idade do concello. Felicidades José e que cumpras moitos máis.

    Redacción Barbanza