Portos de Galicia regula a estiba nos peiraos

    VILAGARCÍA > Portos de Galicia deu un paso adiante para acabar coa presunta competencia desleal dos estibadores que operan nos portos de Barbanza. Unha situación denunciada polos sindicatos como causa principal da merma de túnidos conxelados nos peiraos de Vilagarcía e sobre a que deron conta esta mesma mañá.

    En maior ou menor medida, a meirande parte dos representantes sindicais dos estibadores de Vilagarcía amosáronse satisfeitos con algúns dos acordos ós que chegaron co presidente de Portos de Galicia na reunión que mantiveron en Santiago para avaliar a situación de carga e descarga que se vive no porto de Vilagarcía e sobre a que os estibadores denuncian unha importante merma no tráfico, especialmente de túnidos, por un problema de competencia desleal entre distintos portos de Galicia. Unha competencia desleal pola que os estibadores non están dispostos a pasar e que piden que se revise.

    Parte dos sindicatos achacan á política xestora levada a cabo polo anterior goberno da Xunta, o comezo do problema. Se ben recoñeceron que na reunión mantida co presidente de Portos se viviron momentos de tensión especialmente ó tratar algúns temas coma o da inspección sanitaria nos portos, recoñecen tamén que houbo un avance pero que máis teñen que avanzar aínda. Aseguraron que velarán porque se cumpra a normativa articulada: un prego de condicións que regulará os traballos de carga, descarga, estiba e desestiba nos portos autonómicos e que entrará en vigor nas próximas semanas.

    Redacción Salnés