A construción de sendas para peóns e ciclistas entre Portonovo e Major comezará en primavera

SANXENXO>  A terceira e derradeira fase de mellora da estrada PO-308, en Sanxenxo, arrancará na vindeira primavera. Os traballos consistirán na creación dunha senda peonil e ciclista entre Major e Portonovo. En total, neste proxecto investíronse 15 millóns de euros, permitindo a implantación de sendas ó longo de 11 quilómetros de vía.

É a terceira fase dun proxecto de longo percorrido que agora chega á súa fin. A construción dunha senda para peóns e ciclistas entre Major e Portonovo  está hoxe un chisco máis preto. Nesta xornada publicouse a licitación do proxecto. A conselleira de Infraestruturas encargouse esta mañá de presenta-los detalles da actuación ó alcalde da localidade. Ethel Vázquez asegurou que este é un proxecto prioritario para a Xunta.

Esta é a terceira fase dun proxecto, no que xa se crearon sendas semellantes, permitindo a unión dun total de 11 quilómetros de percorrido entre Portonovo e A Lanzada.

Segundo apuntan dende a Xunta, o proxecto está pensado con criterios de sostibilidade, procurando tamén a integración da paisaxe. Uns criterios que gustan ó alcalde de Sanxenxo porque permiten tamén ofrecer ós turistas unha mellor imaxe da localidade.

As obras teñen un prazo de execución de 12 meses, polo que se calcula que estarán rematadas antes do verán do 2020.