Arousa Norte promocionarase na Casa de Galicia en Madrid a finais de Abril

    BARBANZA > O presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, Isaac Maceiras, vén de confirmar que o acto promocional da entidade supramunicipal na Casa de Galicia en Madrid terá lugar a finais de abril.

    Segundo sinalou o presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras,  a delegación barbanzá estará acompañada do Director Xeral de Turismo, Rubén Lois Cela e non se descarta a posibilidade de que o Conselleiro de Industria, Comercio e Turismo, Fernando Blanco, se poida sumar tamén á comitiva.

    Segundo o rexedor pobrés, Arousa Norte conseguiu o visto bo dos responsables da Casa de Galicia en Madrid para poder usa-las súas instalacións, pero polo de agora aínda non está pechado o programa de actividades.

    Isaac Maceiras sinalou que, ademais das publicacións que a mancomunidade xa ten editado sobre a comarca do Barbanza, a delegación de Arousa Norte trasladará unha exposición sobre a rede de casas rurais, Redetur, creada recentemente.

    Tamén se darán a coñece-los resultados do estudo elaborado pola Mancomunidade sobre as posibilidades de negocio existentes na zona no ámbito turístico, co fin de que as grandes cadeas do sector se interesen por invertir no Barbanza.

    Durante o acto promocional en Madrid os asistentes terán tamén a oportunidade de degustar un bo surtido de conservas das marcas máis representativas desta parte da Ría de Arousa para tratar de dar a coñecer tamén a importante gastronomía.

    Redacción Barbanza