O BNG reclama diversas melloras no porto de Corrubedo

RIBEIRA> Os nacionalistas levarán ó Parlamento Galego, a través do seu grupo parlamentario, as demandas dos mariñeiros para que se solucionen as deficiencias que presentan as instalacións portuarias. Non é a primeira vez que o BNG de Ribeira se interesa por esta problemática, recollendo as queixas dos mariñeiros de Corrubedo en relación ás deficiencias que presenta actualmente o porto da localidade. A través do seu grupo parlamentario pedirán no Parlamento explicacións a Portos de Galicia sobre o seu estado actual de abandono e que se habiliten partidas orzamentarias para o seu arranxo e mellora.. Entre outras actuacións reclaman a construción de chabolas para poderen traballar baixo cuberto e non baixo as inclemencias do tempo. Ademais solicitarán tamén a reparación das escaleiras, a sinalización viaria para evitar que os vehículos aparquen diante da rampla ou a mellora da iluminación na zona portuaria. A solicitude dos nacionalistas non foi moi ben acollida dende Portos de Galicia. Segundo o seu presidente José Juan Durán o mantemento das instalacións portuarias vénse realizando de xeito ordinario en tódolos portos da comunidade, incluído Corrubedo. Para el, o BNG antes de realizar unha demanda debería enterarse primeiro de quen é a competencia dese espazo para o que fai a solicitude. O titular de Portos asegurou ademais que ó ente autonómico non lle consta tampouco ningunha solicitude referida a construción de novos departamento para usuarios en Corrubedo.