RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira insiste na necesidade de manter un dos actuais pasos de peóns na rúa Miguel Rodríguez Bautista. A remodelación da praza do Centenario contempla unicamente un paso central. Os empresarios demandan a súa unificación co anterior para dar servizo a toda a praza.
A proposta dos empresarios, facéndose eco de comerciantes, hostaleiros e residentes, pasaría por unificar o antigo paso de peóns, á saída do aparcadoiro, co que está contemplado no proxecto. Así, din, quedaría garantida a seguridade para o tránsito de peóns diante de toda a praza.
Entenden dende a patronal que a eliminación do paso que existía ata o de agora implicará que os peóns teñan que dar toda a volta para acceder á outra beirarrúa ou mesmo para facer uso de servizos que se atopan na zona como a notaría, a policía ou os xulgados.
Confían en que o concello dea marcha atrás e atenda a súa demanda posto que tanto técnicos municipais como responsables da obra avalaron a súa viabilidade.