Alertan do incremento dos niveis de cadmio nas verteduras de San Finx en máis de cen veces dos límites permitidos

LOUSAME> As últimas analíticas realizadas por Augas de Galicia na mina de San Finx, o pasado mes de outubro, evidenciaron que os niveis de cadmio nos vertidos da mina superan máis de 100 veces os limites máximos que establece a lexislación para esta substancia tóxica e canceríxena.

Isto supón un aumento fronte ós resultados de agosto, cando os niveis de cadmio xa estaban 78 veces por enriba do permitido.

Á vista das analíticas e ante as reiteradas denuncias da Plataforma en contra dos vertidos de San Finx e colectivos ecoloxistas, Augas de Galicia ven de ditar proposta de sanción contra a empresa concesionaria da mina, impoñendo unha multa de 180 mil euros.

Ó mesmo tempo, iniciouse o procedemento para retirar a autorización de verteduras outorgada o pasado mes de febreiro, logo de sete anos de tramitación irregular.

Sen embargo, os colectivos denunciantes lembran que levan máis de sete anos esperando por este procedemento sancionador, polo que veñen de alegar, esixindo á Xunta que obrigue igualmente á empresa a pagar o canon de control de verteduras, que neste caso se eleva a máis de 30 millóns de euros anuais.

Tamén esixen que se adopten medidas cautelares para evitar que as verteduras continúen.

Por iso, desde os colectivos integrantes da plataforma veñen de enviar á Xunta información técnica sobre os métodos de selado das galerías de drenaxe que deben executarse para permitir a reinundación da mina e a minimización da contaminación con metais pesados.