BOIRO> Sen novidades respecto ó paradoiro de Félix Triñanes, o pescador desaparecido dende o pasado luns pola noite, despois de saír da súa casa para ir a pescar á praia de Mañóns, como adoitaba facelo habitualmente.
Por cuarto día, o operativo de busca centrouse nos arredores do areal, poñendo o foco no lugar no que apareceu o seu vehículo, onde chegou mesmo a desbrozarse, coa axuda dun tractor, unha zona de abundante maleza.
Por terra participaron na busca novamente catro patrullas da Garda Civil, así como efectivos do servizo municipal de Protección Civil e Policía Local, ós que se sumaron tamén familiares e veciños en xeral.
Por mar contouse co apoio de numerosos mariscadores e incluso un mergullador particular.
A melloría do tempo propiciou tamén a incorporación do helicóptero da Garda Civil, que dende o aire, rastrexou, como xa fixera durante a xornada de onte, diversas zonas próximas á súa vivenda e tamén a costa máis próxima ó areal.
Co paso dos días as esperanzas de atopalo con vida son cada vez máis escasas.











