O concello de Outes estrea nova imaxe institucional

OUTES> O concello de Outes estrea imaxe corporativa. O obxectivo é homoxeneizas tódalas comunicacións e documentos oficiais a través dun mesmo logo máis moderno e visualmente recoñecible. A imaxe baséase en dous elementos do escudo do concello: a ponte e o río Tins.

O concello de Outes carecía dunha imaxe institucional e un manual de identidade. Nos últimos tempos, utilizábase o escudo para as comunicacións oficiais pero non se seguía un criterio uniforme. Por esta razón, dende o concello encargaron o deseño dunha nova imaxe que dende hoxe é oficial.

O novo logo, deseñado por un emprendedor local, recolle dous elementos fundamentais do escudo do concello: a ponte e o río representados mediante trazos limpos e sinxelos adaptado ós novos recursos comunicativos.

Esta nova imaxe é o primeiro paso dunha serie de melloras na política de comunicación do concello que proximamente presentará o redeseño da web municipal e o lanzamento dunha nova app.