RIBADUMIA > O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, apadriñou a presentación da nova Xunta Xestora do PP de Ribadumia. Martín Serantes sustitúe á alcaldesa Salomé Péña na dirección do partido con tres obxectivos, achegarse ós veciños, traballar en equipo e aumentar a unión veciñal en torno ó Partido Popular. Unha hexemonía política que o PP de Galicia pretende acadar en toda a comarca do Salnés.
O Partido Popular centrará os seus obxectivos nas vindeiras eleccións municipais en acadar as alcaldías de Vilagarcía e da Illa de Arousa. Así o asegurou o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que participou este sábado na presentación da nova xunta xestora do PP de Ribadumia.
O PP de Ribadumia tamén buscará a maioría nos comicios de 2007. Alomenos este é un dos principais obxectivos da nova xunta xestora que preside Martín Serantes. O novo equipo buscará aumentar a cercanía cos veciños e promete traballo en equipo. Serantes substitúe na dirección do PP local á alcaldesa Salomé Peña. A rexedora deixa este cargo no que estivo nos últimos cinco anos para dedicarse exclusivamente ó traballo municipal. No partido seguirá como vocal.
O novo presidente, Martín Serantes, é avogado e brazo dereito de Rafael Louzán na Deputación de Pontevedra. A xestora está formada por 22 persoas, e terá como secretario a Francisco Serantes Núñez.
Redacción Salnés