Barbeito e Junquera prolongan o seu estado de gracia

futbolsala250_200109.jpgSALNÉS> Esta fin de semana deixounos as victorias de Grupo Junquera e Hermanos Barbeito, en Primeira Nacional B, triunfos que manteñen os portonoveses líderes e colocan na cuarta praza ós vilagarciáns.

O Hermanos Barbeito continúa imparable cara o ascenso. A súa última víctima foi o Concello de Trabada ó que venceu a domicvilio por 2-5.

Os de Javi Santos non realizaron se cadra o encontro máis brillante do que vai de temporada, pero lles foi suficiente como para traerse os tres puntos de Lugo. Pronto, ós catro minutos, Pibe poñía en vantaxe ós portonoveses, aínda que o conxunto local empataría pouco despois. Antes de chegar ó descanso e co Barbeito dominando por completo a situación, chegaba o segundo de Bruno Ribeiro.

Tralo paso polos vestiarios, o marcador adverso obrigou ó Trabada a abrirse, subir liñas  e arriscar un pouco máis, algo que aproveitou o conxunto portonovés para marcharse no marcador con tantos de Rubén e Pitu. Pedro asinaría o quinto xusto antes do remate.

Tres puntos por tanto que lle serven ó Barbeito para reter a primeira posición na xeral, dado que o seu máximo perseguidor, o Cesuras O Loureiro, tamén gañou aínda que na casa e con moitos apuros ó Villamartín (4-3), conxunto da parte media baixa da táboa.

A boa xornada para os conxuntos do Salnés completouse co triunfo en Fontecarmoa do Grupo Junquera. Os vilagarciáns practicamente non atoparon rival durante os 40 minutos, nun Arzúa que chegaba á cita como pechacancelas. Tan só a incertidume do resultado ó descanso outorgou algo de emoción ó partido, xa que se chegou cun 2-1.

A superioridade local saíu a relucir na segunda metade ata completar unha goleada xusta (8-2) que permite ó Junquera ascender dous postos na clasificación e colocarse cuarto.

Redacción Salnés