A choiva de días pasados provoca grandes perdas na confraría de Carril

    VILAGARCÍA > Mariscadores e parquistas de Carril están moi preocupados coa alta mortandade de marisco que se produciu nos últimos días. A chuvia provocou unha crecida do río Ulla, que desemboca nesta zona marisqueira ata onde chegou demasiada auga doce nos últimos días. As primeiras estimacións do sector non son moi optimistas.

    O aspecto que presenta a praia Compostela, en Carril, é deplorable. A marea baixa permite ver a gran cantidade de marisco, fundamentalmente ameixa e berberecho que saiu á luz e que permanece pousado no mesmo areal; un xa morto e outro a piques de facelo. Pero anque esta imaxe é moi chamativa, a situación do resto de marisco das concesións carrilexas está na mesma situación.

    Os mariscadores temen a previsión meteorolóxica que anuncia máis choivas para mañá e tamén vento do sur. Dúas circunstancias que non axudan nada a mellorar esta situación.

    Moitos denunciaban en Carril á Consellería de Pesca, que lles impide vende-lo marisco cando xa ten unha boa talla e despois se desentende cando o perden por mor dos temporais.

    O certo é que a confraría carrilexa baixou notablemente as súas vendas en bivalvos. Onte pasaron pola lonxa 105 kilos. O luns da semana pasada case mil. E conseguintemente tamén baixou a recadación. Nunha semana pasouse de 6 mil 800 euros a 770. Unhas cifras que avalan a preocupación dos mariscadores carrilexos.

    Redacción Salnés