Arousa Norte oferta visitas gratuítas a bordo do histórico ‘Joaquín Vieta’

    RIANXO> Arousa Norte inclúe, entre a súa oferta de ocio para o verán, unha serie de visitas guiadas a bordo do Joaquín Vieta. Este histórico balandro, que data de 1916, permitirá ós visitantes coñecer detalles da navegación tradicional e asomarse, dende o medio da ría, ós recunchos máis atractivos de ámbalas marxes de Arousa. Aqueles que se acheguen ó longo do mes de xullo a calquera dos catro concellos de Arousa Norte terán oportunidade de embarcarse nunha travesía a bordo do veleiro máis antigo de Galicia. Este balandro, case centenario, foi restaurado hai uns anos grazas ó empeño da asociación de amigos do Joaquín Vieta que conseguiron devolverlle o seu estado orixinal. Agora, en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, ofertarán visitas guaidas durante todo o mes de xullo que partirá cada semana dende cada un dos concellos do Barbanza. Acompañados pola tripulación, os visitantes terán ocasión de achegarse á historia desta embarcación, que tivo os máis variados usos durante o seu case século de vida. Ademais de afondar na tradición marítima galega poderán recalar nos lugares máis emblemáticos da ría. Haberá tres saídas diarias, unha pola mañá e dúas pola tarde, e será totalmente de balde. Os interesados poden facer a súa reserva en calquera das oficinas de turismo da comarca. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/29/visitas_joaquin_vieta_2906151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/29/visitas_joaquin_vieta_290615.mp4{/flowplayer}