BOIRO> O concello de Boiro vén de adquirir unha máquina para a reciclaxe dos plásticos grazas a unha subvención da Consellería do Mar. Permite transformar os refugallos recollidos nas praias en obxectos de utilidade na vida cotiá.
O proxecto ‘Boiro Libre de Plásticos’ impulsados polas concellerías de Medio Ambiente e Promoción Económica busca reducir a pegada contaminante deste material ó tempo que conciencia ás novas xeracións sobre a necesidade de limitar o seu uso e fomentar a reciclaxe.
Con este fin, o concello adquiriu unha máquina recicladora ó abeiro dunha subvención do Galp Ría de Arousa que converte o plástico en obxectos cotiás para darlle unha segunda vida.
Dende o concello están a realizar charlas e actividades formativas cos centros escolares para implicar ós máis novos no coidado do medio ambiente. Esta mañá, un grupo de estudantes do IES A Cachada asistiu a unha demostración do funcionamento desta máquina. Transformaron en macetas e peóns os plásticos que eles mesmos retiraron da praia en xornadas anteriores.