Política Territorial investirá 96 mil euros na reconstrución da Ponte do Ordenario

    BOIRO > O delegado provincial da Consellería de Política Territorial, Jacinto Parga, desprazouse ata o concello de Boiro para presenta-lo convenio asinado co executivo para a reconstrución da ponte do Río Coroño na zona do Ordenario. O representante autonómico anunciou tamén unha serie de melloras viarias que se acometerán en varios núcelos do municipio.

    A zona da ponte que une os lugares de Coroño e Teaño, Loxo ou Ordenario, presenta na actualidade gravísimas deficiencias na súa estrutura, facéndoa inservible para o seu uso. A actuación proxectada polo concello contempla a súa demolición e a construción dunha ponte nova que será financiada integramente pola Consellería de Política Territorial.

    O delegado provincial xa visitara Boiro hai uns meses cando se produciu o semiderrube da ponte, data na que adquirira o compromiso de subvenciona-la actuación.  Agora, Jacinto Parga volveu a Boiro co convenio baixo o brazo polo cal se aportarán preto de noventa e seis mil euros para a reconstrución da ponte.

    Así mesmo, Parga anunciou a creación de sendas peonís nas zonas de Ponte Brea, Vilariño, Ponte Beluso ou Ponte Goiáns que serán sufragadas tamén polo departamento de Política Territorial ó longo do presente e o vindeiro exercicio orzamentario. Esta actuación suporá un investimento de máis dun millón de euros desglosados do seguinte xeito. 443 mil euros no tramo de Ponte Brea a Vilariño, 405 mil dende Ponte Beluso a Ponte Brea, 121 mil de Vilariño á Vía Rápida e 320 mil de Ponte Goiáns a Escarabote.

    No transcurso da súa visita ás zonas onde se van acometer as obras, Parga destacou a especial sensibilidade da súa Consellería con relación ós temas de seguridade viaria polo que seguirán a atender as demandas do executivo boirés nesta materia.

    O concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, agradeceu ó delegado a rápida resposta do seu departamento a tódalas súas demandas. Así mesmo, Ares aproveitou a presenza de Parga no concello para expoñerlle novas necesidades como a dotación de marquesiñas á estrada AC-305 e o incremento da seguridade viaria na zona de Ponte Goiáns.

    Redacción Barbanza