VILANOVA > A confraría de Vilanova dispón xa do calendario electoral e a partir do sábado terá a exposición o censo electoral definitivo. A primeira votación para elixir os vocais da xunta xeral será o 21 de maio e elección de patrón maior non será ata o 6 de xullo. O proceso rematará o 26 de xullo coa toma de posesión do patrón maior, vice patróns e vocais do cabido.
A comisión electoral da confraría de pescadores da Pastoriza, en Vilanova, exporá a partir deste sábado o censo definitivo dos socios que poderán acudir ás urnas o vindeiro 21 de maio. Un asunto este, o do censo, que pode acabar no xulgado. A consellería de Pesca insiste en querer aclarar as irregularidades detectadas e que causaron a paralización das eleccións en agosto de 2005 ata este mes. O departamento autonómico di estar disposto a solicitar o auxilio xudicial para que sexa o xulgado quen reclame a documentación necesario.
Namentres, o proceso segue segundo o calendario aprobado pola comisión electoral. A partir do luns e ata o 17 de abril poderanse presentar as candidaturas a vocais da xunta xeral. O proceso de alegacións rematará o 24 de abril, o día 26 proclamaranse as candidaturas e ata o 2 de maio poderanse presentar recursos ante a consellería. A campaña electoral iniciarase o 9 de maio e as votacións a vocais realizaranse o 21 deste mes. A toma de posesión dos membros da xunta xeral será o 19 de xuño e dous días máis tarde ábrese o prazo para os candidatos a patrón maior. Ata o 6 de xullo non se coñecerá a dirección da confraría e a toma de posesión do patrón maior, vice patróns e vocais do cabido non será ata o 27 de xullo.
Redacción Salnés