RIBEIRA > A Consellería de Vivenda vén de encargar un estudo sobre o impacto ambiental do futuro parque empresarial de Ribeira. A ampliación do polígono ocupará uns catrocentos mil metros cadrados de superficie, aínda non suficientes para o empresariado ribeirés posto que as previsións de implantación de naves industriais superan esa cifra en cen mil metros cadrados.
O presidente da Asociación de Empresarios de Ribeira, Xosé Paz Cadabal, fará chegar á Consellería de Vivenda e Solo a documentación relativa ó parque. O departamento autonómico encargará entón un estudo sobre o impacto ambiental que poida producir a ampliación de chan industrial prevista co obxectivo de determinar a idoneidade da súa ubicación.
O terreo escollido ocupa unhas corenta hectáreas en dirección a Palmeira seguindo o trazado da vía rápida. Preto de once hectáreas son propiedade do concello e o resto da superficie está calificada como chan forestal polo que será preciso proceder á recalificación dos terreos.
No caso de que o informe ambiental resulte desfavorable, a patronal ribeiresa verase obrigada a buscar novas alternativas para a ubicación do polígono.
A outra opción sería a instalación das fábricas no futuro polígono da Teixoeira, entre os municipios da Pobra e Ribeira, que actualmente se atopa en fase de estudo económico.
Haberá que agardar ata a vindeira semana para que a Consellería de Vivenda conte con toda a documentación precisa para analizar o impacto ambiental desta ampliación tan demanda polo tecido empresarial da zona. De feito, os catrocentos mil metros cadrados de chan industrial que gañaría o polígono no caso de saír adiante ó proxecto quedaríanse curtos ante as previsións dos empresarios ribeireses que precisarían de cen mil metro máis para a implantación dos seus negocios.
Redacción Barbanza